Este 8 de Marzo, dia Internacional das Mulleres, mulleres de Lugo de diferentes colectivos xuntámonos para saír a rúa e reivindicar os nosos dereitos.
A actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas, Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo Galego de igualdade, os Centros de Información á mulleres e de Orientación afectivo-sexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na retrógada lei de familia.
Paralelamente, estamos a soportar unha vertixinosa escalada da precariedade laboral que se expresa nunha cada vez maior temporalidade, no aumento da contratación a tempo parcial e en salarios insuficientes que impiden o goce dunha vida digna, plena e autónoma. Esta situación, que afecta a toda a sociedade, ten unha meirande repercusión nas mulleres debido aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións.
Se falamos das mulleres labregas hai que engadir as dificultades para acceder á titularidade das explotacións aínda hoxe e, no caso das mulleres inmigrantes e das empregadas do fogar, a situación agrávase, posto que á inseguridade laboral hai que sumarlle a xurídica.
Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máis extrema: máis de 70 mulleres son asasinadas só no estado español cada ano.
Por todo isto, hoxe 8 de Marzo, saímos a rúa para dar a coñecer a nosa particular visión da nova “Cincenta”. Unha “Cincenta” que representa a todas esas mulleres que fartas do “príncipe azul”; o príncipe que as oprime no traballo, o príncipe que as infravalora na casa, o príncipe que pretende asumir o control do seu corpo e da súa sexualidade…; rachan con ese papel de Cincenta submisa e comezan un novo camiño na busca de elas mesmas e da súa liberdade…
NESTE 8 DE MARZO, AS MULLERES FEMINISTAS EN LUGO EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS, ESIXIMOS:
-
Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista (educativos, sanitarios, de información e de protección).
-
Sanidade pública, universal e gratuíta de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres.
-
Ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.
-
Prestacións sociais e pensións dignas. Establecer medidas de acción positiva para evitar as desigualdades no acceso e na contía das pensións, derivadas de situacións de discriminación.
-
Medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social das traballadoras do servizo doméstico cos demais réximes.
-
Medidas que faciliten a regularización das persoas migrantes residentes e que garantan a plena igualdade de dereitos co conxunto da poboación galega.
-
Accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.
-
Aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias.
-
Unha política laboral, agraria, alimentaria, fiscal e social en función das necesidades da cidadanía, que estableza medidas de acción positiva para poñer fin á discriminación das mulleres e que poña freo á emigración da mocidade galega.
-
Servizos sociais públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades de coidado de familiares e persoas a cargo.
-
Medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tanto aos homes coma ás mulleres.
-
Medidas urxentes para a creación e a estabilidade do emprego. Implantación de medidas dirixidas a eliminar a discriminación salarial das mulleres.
-
Medidas que garantan unha vida plena para as persoas con diversidade funcional.
-
Dereito a gozarmos a nosa sexualidade, sexa cal for a nosa orientación sexual e a desenvolver un proxecto de vida en liberade e equidade.
-
Respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúe o control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública.
VEN E REIVINDICA OS TEUS DEREITOS
8 DE MARZO as 17 h.
na PRAZA DA SOIDADE