Falamos de sexo?
Clasificado na sección Sexualidade

Creado por roris o Venres, 23 de Maio de 2008

Permitídeme hoxe, que, despois de levar tres semanas enfrascada no estudio dun libro sobre a sexualidade da humanidade, faga neste blog unha pequena reflexión sobre algunhas das cousiñas que descubrín.

O primeiro que quero destacar é que existiu un grandísimo silencio entorno ás cuestións referentes á sexualidade, especialmente a feminina; non é, de feito, ata ben entrados os anos 80 que se comezan a tratar temas específicos sobre a sexualidade feminina, e, nin que dicir ten que é “casualmente” nas sociedades patriarcais, onde máis dificultades se atopan para obter información sobre as prácticas sexuais femininas ou éstas eran consideradas como algo marxinal do que non se falaba.

Pode parecer que en pleno S. XXI xa non existen tabús respecto á sexualidade, pero eu vos pregunto… Canto, como e que falamos respecto a cuestións sexuais? E non me estou referindo precisamente a facer alarde do número de conquistas de cada un/unha, nin aos sitios ou posturas “exóticas” nos que se practicou o sexo.

Non hai moito que se legalizaron en España as vodas homosexuais, e deste tema habería moito que falar pero non me quero estender polo momento, solo preguntarvos, creedes que somos en realidade tolerantes coa diversidade sexual? Que pensades de cuestións como homosexualidade, bisexualidade ou transgenerismo? Dende logo, pretendo abrir o debate, de tódolos xeitos, a resposta e estas outras preguntas en vindeiros capítulos…

A modo de conclusión, e para ir adiantando algo, dicir que actualmente existen dúas grandes teorías/paradigmas totalmente opostos respecto a sexualidade humana: un bioloxicista, que argumenta que a sexualidade humana está determinada polas leis da natureza e a bioloxía, polo que unicamente se conciven dous xéneros, masculino e feminino, e no que a sexualidade vai enfocada principalmente cara a reproducción. E outro construccionista, que defende que as prácticas e comportamentos sexuais son o producto da cultura e a organización social, nas que as cuestións xenitais perden importancia e o desexo sexual extendese por todo o corpo, onde o que prima son os individuos, e onde son estes mesmos individuos os que conforman a súa sexualidade e as costumbres sexuais da súa sociedade.

O teu comentario: