BONNIE RAITT
Clasificado na sección Músicas

Creado por casandra o Xoves, 7 de Agosto de 2008

Imos continuar coa sección de músicas con BONNIE RAITT (Burbank, California, 1949), unha cantante e guitarrista de blues que me encanta. Bonnie comezou a tocar a guitarra sendo nena, unha afección que tiñan poucas das súas amigas do colexio. Iniciouse no folk e o R&B en clubes de Boston, para facer blues máis adiante.

Foi unha das primeiras mulleres en ser recoñecida como gran guitarrista, sobre todo pola súa técnica de slide (esvarar polas cordas un tubo, normalmente, de metal), moi típica das músicas e dos músicos de blues e country.

É tamén a primeira muller que ten unha guitarra co seu nome: a FENDER´S BONNIE RAITT STRATOCASTER, unha preciosidade de cor azul. No vídeo que aparece deseguido interpreta o tema “Something to talk about”, do álbum “Luck of the draw” (1991). Velaí como sona a súa Fender e a mestría coa que manexa o slide. De auténtica envexa!

Unha marabilla. Non si? Ademais, os beneficios que lle corresponden coa venda da súa Fender, Bonnie, destínaos a un programa para ensinar ás nenas a tocar a guitarra.

BONNIE RAITT é feminista e unha persoa comprometida con diversas causas, como o medio ambiente e os dereitos humanos. Como artista ten participado en multitude de concertos como os de Amnistía Internacional, no Farm Aid, ou no concerto soviético/americano de Moscú pola Paz.

Para rematar, unha xoiña. Neste vídeo Bonnie aparece con outra das grandes, nada máis e nada menos que Norah Jones, da que nos ocuparemos noutra ocasión. Xuntas interpretan o tema “Tenessee Waltz”.

2 comentarios en “BONNIE RAITT”

O teu comentario: