Onte pola mañá lin no xornal a noticia da morte de Miriam Makeba (Johanesburgo, Sudáfrica, 4 de marzo de 1932-Castel Volturno, Italia, 10 de novembro de 2008), xusto despois da súa participación nun concerto contra a Camorra e de apoio ao escritor amenazado Roberto Sabiano. Pensei que esa era a maneira máis natural de morrer para unha muller que foi un exemplo de loita ao longo de toda a súa vida.
Comezou a súa carreira musical na década dos 50 cun álbum no que mesturaba o jazz con cancións tradicionais do seu país natal. En 1959 durante unha xira por Estados Unidos co grupo sudafricano Manhattan Brothers alcanza recoñecemento internacional.
Miriam Makeba, Mama África, foi un símbolo da loita contra o apartheid. Viuse forzada ao exilio por participar nun documental antiapartheid. O goberno sudafricano prohibiu todos os seus discos e impediulle voltar ao país, ate que en 1990 Nelson Mandela lle pida que regrese.
Ten unha discografía con máis de vinte títulos, entre outros: The World of Miriam Makeba, 1962; Malaisha, 1966; Pata Pata (álbum). 1977 e Welela, 1989. Foi a primeira muller africana que gañou un premio Grammy, en 1965. A súa canción Pata Pata, inspirada nas chabolas de Johannesburgo, alcanzou sona internacional.
Pasei o día agardando o momento de chegar pola noite a casa e escoitar a súa música. Rescatei do po o disco Sangoma (1988) . O vinilo estaba esquecido nun armario, entre The Lion de Youssou N´Dour y So de Peter Gabriel. Foi un pracer escoitar de novo a súa voz forte, acompañada por ritmos de tambores; a voz de África.
“Cantas sobre as cousas que te rodean. O noso contorno sempre sufriu polo apartheid e o racismo que sufre o noso país. Así que a nosa música ten que estar influida por elo“. Miriam Makeba

