Enriqueta Otero

Incansable loitadora antifascista, Enriqueta Otero (1910-1989) naceu nunha casa labrega da parroquia de Miranda en Castroverde (Lugo). Recibiu unha educación relixiosa que non lle impediu mostrar xa desde ben pequena as súas tendencias comunistas. Fíxose mestra de primeira ensinanza, profesión que desempeñou en diversas escolas de Galicia, Soria e Madrid.

Traballou con entusiasmo na reforma educativa da República, achegándose así ó Partido Comunista. Participa en diversas labores de defensa en Madrid, ademais de formar parte como miliciana de varias unidades de combate tanto coas armas como con tarefas culturais, educativas e de intendencia.

Atopábase en Madrid cando entraron as tropas franquistas, pero conseguiu eludir a prisión e chegar a Lugo, onde levou unha vida de semiclandestinidade nas terras de Castroverde mentres participaba activamente na Resistencia antifranquista, tanto na restructura guerrilleira como na reorganización do Partido Comunista, do que foi máxima responsable en Lugo.

En 1946, despois de un longo cerco e de unha longa persecución na que se defendeu a tiros e con bombas de man, é detida pola policía no Agro do Rolo. Esta caída significou unha gran catástrofe para a organización clandestina; un gran numero de militantes foron detidos e sometidos a salvaxes torturas, entre eles o camarada e amante de Enriqueta, Xosé Vicente Rodríguez, que morreu a consecuencia delas.

O 30 de Xullo de este mesmo ano, Enriqueta foi condenada en consello de guerra a 30 anos por rebelión militar e 4 por atentar contra a autoridade. Dous dos seus camaradas foron condenados a morte e executados. En 1960 conseguiu a liberdade condicional, e en 1963 volve para Castroverde onde sobrevive labrando e criando gando. En 1974 consegue reingresar no maxisterio.

Nos anos que lle quedan de vida, Enriequeta Otero dedicouse á ensinanza e a labores de dinamización asociativa, feminista e cultural, tanto no seu concello natal como en Lugo. En Miranda construíu unha Casa da Muller, creou a asociación cultural O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas republicanas, como un espazo de cultura, reflexión e discusión, afastado do ensino tradicional, e estableceu a súa pintoresca sede, “O hórreo da Cultura”, na Avenida Garcia Portela, ó carón do Parque de Rosalía.

Morreu o 31 de outubro de 1989 e foi enterrada en Miranda envolta na bandeira republicana, evocada como «a última guerrilleira galega, a Pasionaria do pobo galego».

Mulleres en Lugo. Un paseo pola cidade. (Ed. Concello de Lugo)